Saturday 27 de April de 2024

Convenio urbanístico de modificación de planeamento entre o Concello de Ordes e Internaco S.A.


 

Permitirá á empresa ampliar as súas instalacións situadas en Queirúa para poder levar a cabo o seu proceso de expansión e desenvolvemento empresarial. A superficie afectada é de 75.637 metros cadrados

José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, e Álvaro Concheiro Varela, conselleiro delegado de Internaco S.A., asinaron esta mesma mañá un convenio urbanístico de modificación de planeamento.

O principal obxectivo do dito acordo é o establecemento das condicións nas que se ha de levar a cabo a modificación puntual núm. 4 das normas subsidiarias de planeamento municipal (BOP núm. 293, do día 21/12/1996) para a delimitación dun sector de solo urbanizable de uso industrial coa finalidade de posibilitar o desenvolvemento ordenado no emprazamento e a actividade empresarial de Internaco S.A. Concretamente sitúase no lugar de Queirúa, na parroquia de Buscás, a carón da estrada N-550 ao norte da vila ordense e do polígono industrial de Merelle. A parcela en cuestión ten unhas dimensións de algo máis de 100.000 metros cadrados, nos cales se sitúan dúas naves principais. Máis exactamente, a extensión dos terreos afectados polo convenio é de 75.637 metros cadrados.

Creación de emprego
Tal acordo responde á decisión estratéxica fundamental por parte do Concello de Ordes de facilitar o proceso de desenvolvemento de proxectos empresariais e industriais no municipio, e en particular das empresas xa instaladas no termo municipal que polo seu volume de negocio constitúen un motor de crecemento económico e de fomento do emprego, o que en última instancia contribuirá á fixación de poboación no concello”. Nesta decisión o consistorio tivo en consideración a idoneidade da ampliación de Internaco S.A. nos terreos lindeiros ás instalacións xa existentes pola súa proximidade ás principais vías de comunicación como a N-550, a futura variante norte da dita vía de próxima construción, aspecto que facilitará o acceso de camións pesados á súa plataforma loxística.

Internaco S.A. nace para acoller o crecente volume de vendas da marca Husqvarna, líder mundial do sector forestal e xardinería, para a que dende 1969 posuía a distribución exclusiva a nivel nacional. A partir de entón fóronse incorporando novos produtos á carteira da empresa e novas áreas de influencia comercial. Dende 1999 ten a súa propia marca de equipos industriais destinados a obra pública (Benza), ademais de diversificar a súa actividade cara a novas liñas de negocio. Como exemplo pódese citar a construción de grandes grupos electróxenos segundo as necesidades do cliente ou a extrusión de nailon para fabricar fío de corte para rozadoiras para abastecer tanto o mercado nacional como o internacional etc.

Por todo isto, Internaco sitúase como un dos maiores líderes nacionais na distribución de maquinaria e accesorios con máis de 1.000 puntos de venda na península. O seu volume de vendas supera os 53,5 millóns de euros durante 2018.